
Hoxe, 17 de Maio, celébrase un ano máis o Día das Letras Galegas. Este ano adicado a Xosé María Díaz Castro.
(neste enlace podes atopar máis infomación sobre este autor)
E nesta poesía podes ver que a realidade de Deus está presente en boa parte da súa obra.
Irios ou ártabros, bergantiños ou caránicos, ¡ei!
¡ Ninguén veu a Lumieira, mesturada coa lus do cotián mencer!
O milagre veu a vós coma o vento que vén pisando a herba,
¡ e as vacas de Breogán nin siquera ergueran a cabeza!
Sant Iago esvarou para Galiza coma o sangue dentro dunha vea…
Lumen ad revelationem ¡ Vila acesa no monte esquencido,
relucían os louros pagaos contra a Noite lastrada de ídolos:
Xesús visgounos, e eles quedaron condanados ó seu amor.
Druídas, nas fragas de Deus coma un niño enleado o corazón,
¡ Celtas!, Tiñades os ollos axeitados á medida da verda,
e a Lus sentouse en vós, como o Outono se senta na mazá.
O ceo reverte estrelas un vento puro zúa nos budios.
Voen arrincadas arrincadas esta noite as follas dos enfollos escuros,
Pérdase o fume das vellas historias nesta fraga de torres despertas,
torres de irexas coma a sombra afiada
de dúas maus xuntas que rezan,
mentres os homes soñan ou xuran e as mulleres rezan ou choran,
lousados da Fe, insuas de vida nun mundo que morre a cadora,
testigos manchados de sangue no tordeante xuício da Historia.
Esborrexe pola noite un río de cabazas e vieiras de grande Europa,
esborrexe coma bágoas polas meixelas…
Dade casa cuberta ó larchán, cobexo ó bon Tempo Perdido,
ó que deixou a medio facer o eixo dun carro e un neno durmindo:
Himnos enchen á noite, fomea o nome de Iago en vinte linguas…
¡ EI, ultreia! ¿ De ónde vén o lume
de esas muxicas acesas na noite de Iria?
E despois é un cabalo tras doutro
e o balbordo de homes que descoten
sitio e arquiteitura, ¡ pois non se enzarra
un Trono baixo a terra dos homes!
¿ Non coñecías Xesús as pedras das Rías Baixas cor de aceiro?
Brincan da canteira ósos de pedra virxe, e óense os alentos,
nenos e galos axoutados arrédanse e deixan pasar un río de pedras,
tolean os martelos en días eternos e noites cegas…
e medra amodiño na noite
un feixe de colunas coma gorxas de pomba:
non se fixo o Templo en tres días;
que o home é breve e a noite é longa.
Pro medra coma a aurora tralos piñeiros,
soño de beleza mostruosa
masa de dogmas de pedra, seixo a seixo,
a Nai de Compotela,
e así quedou pá sempre,
coa crista por riba do Tempo furando na néboa,
a Catedral, a grande Galiña deitada no medio das leiras.
¡ Dolorosamente, Compostela,
dolorosamente te amaro hastra que o teu nome
bourou nas mesmas estrelas,
Galaxia que índa cansa o pescozo dos homes!
¡ Dolorosamente te amaro nos carros que cantaron pra ti,
vila eterna, e nas pás que cavaron as foias,
coma sucos pra unha nova Primavera,
e no calado e forte arado, imaxe de Deus,
que vai derregando tantos destinos,
e nas plumas despertas toda a noite
e nao usada espranza pendurada dun fío!
¡ Dolorosamente te amaron na paciencia invencible
e na inspiración que on morre:
Ronseles, corredoiras e recordos de doloroso amor para ti decorren.
TRABALLO QUE CHE PIDO: que busques algún outro autor que tamén teña presente a Deus na súa obra. Podes mandar un poema enteiro ou unha estrofa, en castelán ou en galego, a través dun comentario.